150.000 euros de multa a Spotify en España

venres, 17 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

A Axencia Tributaria vén de executar unha primeira sanción a Spotify en España de 150.000 euros por contabilizar os seus gastos financeiros no cálculo do imposto de sociedade, segundo descubriron durante a inspección dos exercicios entre os anos 2009 e 2012.
A compañía leva 9 anos operando en territorio español, con exercicios moi dispares, de xeito que mentres en 2014 rexistrou perdas, en 2015 tivo unhas ganancias de 6.500 euros, cantidade que pode parecer ridícula se temos en conta que os ingresos da compañía serían de 44 millóns de euros en 2015, dos que preto do 80% proceden de subscricións de pagamento de usuarios españois.
Os resultados da compañía veñen do cobre de subscricións e publicidade, dos que hai que descontar os dereitos polo contido que Spotify Spain paga á súa matriz en Suecia, sendo preciso que as autoridades vixíen este tipo de operacións xa que son susceptibles de evasión de impostos.
En calquera caso parece que será a derradeira vez que vexamos unha sanción semellante en España, xa que o pasado mes de outubro a compañía trasladou a facturación á matriz sueca, de xeito que a filial española sería unha simple comisionista de traballos de promoción e marketing dos servizos de streaming no territorio español.

PUBLICIDADE