12 novos concellos incorpóranse á campaña Toponimízate

venres, 13 de xuño do 2025 Redacción

A Xunta e a Real Academia Galega incorporan doce novos concellos das catro provincias á nova edición da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, unha iniciativa organizada conxuntamente por ambas entidades e coa que «se salvagarda e divulga o importante patrimonio inmaterial que atesoura a toponimia galega». Así o salientou durante a presentación o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen puxo en valor os «resultados máis que satisfactorios» do proxecto, «ao contar con case 4.000 colaboradores e preto de 90.000 microtopónimos recuperados desde que se puxo en marcha en 2019».
Neste contexto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude expresou a súa convicción de que esta nova edición «se lle vai dar un relevante pulo ao incorporar máis persoas e entidades que de seguro se van sumar agora a este proxecto». Para contribuír a este obxectivo, lembrou que a campaña inclúe a «innovadora aplicación» Galicia Nomeada, coa que os colaboradores poden achegar nomes de lugares, montes, leiras, fontes, camiños, regos ou devesas dos que teñan constancia, «evitando que cheguen a perderse».
Por este motivo, destacou a labor que está a desenvolver o Goberno galego na conservación «dunha das grandes riquezas da lingua galega» a través desta campaña, que definiu como «referente» da cooperación entre as administracións públicas e a cidadanía na defensa do patrimonio toponímico. «Coa incorporación nesta edición destes doce novos concellos seguro que o pulo a súa recuperación será maior», afirmou o secretario xeral da Lingua, acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e o filólogo Vicente Feijoo, encargado de impartir as sesións formativas nos concellos participantes.
A campaña Toponimízate prevé realizar 12 reunións de traballo co obxectivo de que a veciñanza dos novos municipios aprenda a empregar a aplicación Galicia Nomeada, que xa serviu de exemplo noutras comunidades. As charlas comezarán o 20 de xuño no concello ourensán de Sandiás e prolongaranse ata o 14 de novembro, data na que rematará esta edición en Baralla (Lugo). Ao longo deste período, o programa formativo percorrerá as catro provincias galegas con sesións en Baños de Molgas, Laxe, Chantada, Melón, A Estrada, Cervantes, Mondariz, Mondariz-Balenario, Dozón e Val do Dubra.