1.494 millóns de euros de multa da Comisión Europea a Google por prácticas contrarias á competencia

mércores, 20 de marzo do 2019 Marcus Fernández

A Comisión Europea leva anos preparando unha serie de sancións a Google por abuso de posición dominante, que en 2017 supuxo unha multa de 2.420 millóns de euros polo tratamento preferente do seu comparador de prezos nos resultados de buscas e en 2018 levou a unha multa de 4.343 millóns de euros polo xeito de beneficiar os seus servizos a través de Android, e agora temos a sanción que restaba, relativa ás prácticas abusivas na publicidade en liña, que supón a imposición dunha multa de 1.494.459.000 euros (o 1,29% do volume de negocio de Google en 2018).
A comisaria Margrethe Vestager foi a encargada de dar a coñecer a nova sanción «por uso irregular da súa posición dominante no mercado como intermediario de anuncios de busca en liña. Mediante a imposición de restricións contractuais contrarias á competencia en sitios web de terceiros, Google reforzou o seu dominio na publicidade de busca en liña e protexeuse da presión da competencia».
A investigación da Comisión considera que as prácticas abusivas de Google prolongáronse durante máis de 10 anos, son ilegais e impediron a outras empresas competir polos seus propios méritos e innovar, á vez que provocou que os consumidores non puidesen gozar das vantaxes da competencia.
Non hai discusión en que Google ten unha posición do dominio dentro de Europa, con cotas de mercado superiores ao 90% na busca xeral e superiores ao 75% na publicidade das buscas en liña, e dado que os competidores de Google non poden vender espazos publicitarios nos resultados de Google, están nunha posición de desvantaxe competitiva. Aparte disto as cláusulas de contratación de Google tamén incluían cláusulas de exclusividade na publicidade en resultados de busca, condicións que dende a Comisión non consideran xustificables.
A sanción anunciada hoxe refírese a infraccións entre 2006 e 2016, xa que Google cesou as súas prácticas abusivas neste último ano ao publicar a Comisión Europea os cargos contra Google sobre este asunto, e cómpre salientar que esta multa non impide que calquera afectado polo comportamento contrario á competencia por parte de Google interpoña ante os tribunais dos estados europeos demandas civís por danos e prexuízos.

PUBLICIDADE