α5100, a nova cámara sen espello de Sony con enfoque ultra-rápido

luns, 18 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Sony continúa a destacar no segmento das cámaras de obxectivo intercambiable e pequeno tamaño, conseguindo produtos moi compactos e con grandes prestacións, como a nova α5100, que presume de ser a cámara deste tipo máis pequena do mundo cun sensor APS-C de grande tamaño, flash incorporado e Wi-Fi. Temos así unha magnífica opción para quen queira algo máis que a cámara dun smartphone ou dunha compacta automática, pero sen prescindir de opcións que faciliten compartir as instantáneas co mundo.
Aparte das súas reducidas dimensións, a Sony α5100 pode presumir do seu sistema Fast Hybrid AF con 179 puntos de detección de fase, que conseguen enfocar de xeito ultra-rápido, incluso obxectivos en rápido movemento, resultando aínda máis doado captar os movementos máis fugaces grazas ás funcións Touch Focus e Touch Shutter (que permiten disparar tocando directamente a pantalla LCD da cámara).
A α5100 ten un sensor CMOS Exmor de última xeración con 24,3 Mpíxeles e o mesmo tamaño que o sensor APS-C das cámaras réflex, que xunto co procesador BIONZ X consegue unhas grandes imaxes (en fotos e vídeo) incluso en condicións de pouca luz.
A cámara non esquece a tendencia das auto-fotos, e a súa grande pantalla LCD de 3 polgadas pode xirarse 180 graos, para facilitar un bo encadre co brazo estendido. E para comunicarse cos nosos dispositivos móbiles (Android e iOS) conta con NFC e Wi-Fi Direct, facendo doado copiar fotos e vídeos a móbiles e tablets, pero tamén empregar os trebellos móbiles a xeito de mando a distancia (permitindo incluso ver na pantalla do móbil a imaxe que está a captar a cámara para elixir cando disparar remotamente).
Esta prometedora cámara chegará ao mercado español a finais de setembro a un prezo recomendado de 650 euros.

PUBLICIDADE