Ōkami HD terá versións para Xbox One, PS4 e PC

mércores, 13 de setembro do 2017 Marcus Fernández

En 2006 veu a luz o xogo Ōkami de Clover Studio para PlayStation 2, adaptándose acto seguido a Wii, e conseguindo facerse todo un referente no que a tratamento artístico se refire, de aí que gozase logo dunha versión HD para PlayStation 3, Ōkami HD, que o vindeiro 12 de decembro vai volver ao mercado nunha versión remasterizada para PlayStation 4, Xbox One e PC, tanto en formato físico como dixital, confirmando Capcom que o xogo aproveitará a potencia da Xbox One X, a PS4 Pro e os ordenadores de alta gama.
Parece incrible ver como un xogo nacido da definición estándar poida escalar pouco a pouco para adaptarse ao nivel gráfico actual, conservando a fermosura do estilo de arte baseado na tinta, que gaña segundo temos unha maior resolución de pantalla, de xeito que Ōkami cada vez loce mellor.
En Ōkami HD os xogadores controlan a Amaterasu, unha deidade xaponesa que pode tomar a forma do lobo branco Shiranui na loita contra o demo de oito cabezas Orochi e de todos os inimigos que van xurdindo no camiño. Os xogadores terán a opción de gozar do xogo en formato panorámico ou nos 4:3 orixinal, e o prezo de venda en formato dixital será de 19,99 euros en todas as versións.

O xogo aproveitará a máxima resolución do noso ordenador ou da nosa consola nesta nova remasterización

Tráiler da nova versión de Ōkami HD

PUBLICIDADE