Galicia Encantada, dous anos na Rede preservando a nosa fantasía popular

luns, 5 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Galicia Encantada, web na que os internautas galegos están a recoller e a preservar para as xeracións vindeiras todo tipo de lendas e contos populares da nosa terra (coordinados polo seu autor, Antonio Reigosa), vén de cumprir dous anos de “vida” nisto da Rede (parabéns, polo tanto) e semella ter sido moita a participación ó longo destes 24 meses, a xulgar polas cifras achegadas polo propio webmaster. Así, no que respecta ás sesións foron 150.094 as que puideron contabilizarse, sendo 784.576 o número de páxinas vistas e 1.167.651 o total de accesos ó longo destes dous anos.
O anterior tradúcese (asemade) nun promedio de 204,77 sesións por día, 1.070 páxinas vistas e 1.592 accesos por xornada. Segundo informa Reigosa, estas e outras cifras e datos poñen de manifesto o interese crecente polo patrimonio inmaterial galego, pola literatura de tradición oral e polas posibilidades que para o eido do ensino e da cultura pode achegar a Internet.

PUBLICIDADE