Irán lanza un novo xogo antiamericano

luns, 2 de outubro do 2006

Dende hai algún tempo, a inútil e petroleada disputa entre Irán e os EE.UU. faise patente tamén no ciberespacio e nos videoxogos para computador. Desta volta, un deseñador iraniano ven de crear un videoxogo que ofrece a oportunidade de dete-los envíos de cru que pasan polo Estreito de Hormuz con destino a Norteamérica.
Segundo o deseñador, un mozo de 27 anos, o xogo amosa a facilidade coa que Irán pode arruinar as influenzas dos EE.UU. en materia de comercio mundial de petróleo e, seguindo o dito “onde as dan, as toman”, o xogo resulta ser un xeito de vingarse deles por outros populares xogos como EE.UU. ataca Irán ou Asalto a Irán, fabricados por Kuma Reality.
Esta nova iniciativa, que resulta da ampliación de Counter Strike (tamén dos Estados Unidos) ten unha trama con máis atractivo có inicial e agárdase que conte cun nivel oito de interese. Malia que chega nun intre crítico debido ás conversacións sobre o programa nuclear iraniano, a súa distribución farase inicialmente en Irán para achegarse moi pronto ó mercado oriental. Polo de agora pódese ver un adianto en www.kobra.ir.

PUBLICIDADE