Chanante Piñeiro: un festival para os greatest hits do vídeo galego en liña

mércores, 11 de outubro do 2006 Fernando Sarasketa

No wiki de Chuza! descubrimos unha convocatoria que, entre outras cousas, serve para que lembremos que non hai nada que se deba tomar moi en serio, nin sequera (e agardamos que isto non sexa moi politicamente incorrecto) o audiovisual. Xa o propio nome do certame fala por si só: Chanante Piñeiro, en clara homenaxe (?) ós Premios Chano Piñeiro que organiza o comité de Cineuropa dentro deste mesmo festival de cine de Santiago.
O caso é que o premio Chanante Piñeiro non vai orientado a engrandecer o ego de ningunha gran estrela senón de todos aqueles que, modestamente mais con moito tino, penduran vídeos en Internet que logo son motivo de debate, análises e, sobre todo, divertidas e edificantes actitudes sociais. Polo tanto, o devandito certame premiará os mellores vídeos galegos que hai no Youtube ou en Google Video e derivados, na liña dos hits de Edilberto Alonso, Tojeiro ou as aventuras do alcalde de Ortigueira facendo coherente e mesurado ó mesmísimo Pocholo (en comparación co alcalde, claro).

Neste intre, os organizadores do festival andan a pechar categorías e a recompilar información, tarefas para as que non desaproveitan a oportunidade de convocar axudas na Rede. Polo momento, as categorías son estas: Melhor Anaco (captura de programa de televisión), Melhor Musical (video clip), Melhor Amateur, Melhor Ficçom e Melhor Entrevista. A listaxe aberta para que poidamos participar, e máis abaixo os organizadores inclúen unha selección oficial cos candidatos.

PUBLICIDADE