IBM achega detalles sobre Sequoia: terá a capacidade de 2 millóns de portátiles

martes, 3 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

Con crise ou sen ela, as grandes empresas do sector tecnolóxico fan en boa medida o que xa facían antes da focha produtiva mundial. Se nos intres previos á costa abaixo a liña estratéxica era acadar cada pouco o computador máis avanzado e potente, moi poucos condicionantes económicos van conseguir que se pare a maquinaria. Nesta liña de inercia innovadora é onde se está a mover IBM, que logo de presentar perante o mundo o equipo informático máis rápido, volve á carga –sete meses máis tarde- cun anuncio de impacto: a inminente preparación dun supercomputador que equivalería en capacidade a dous millóns de portátiles traballando ombro con ombro. Asemade, sería 20 veces máis rápido que o equipo máis potente do mundo. En boa medida, a multinacional acomete a preparación da ferramenta seguindo o modelo dos grandes estaleiros galegos nunha gran encarga: vaille entregar o equipamento ao Departamento de Enerxía de Estados Unidos nun prazo de dous anos.
Máis polo miúdo, o ordenador en cuestión irá destinado a ceibar o seu potencial de computación no Laboratorio Nacional Lawrence Livemore, segundo indica Reuters.
O ordenador de IBM, que xorde co significativo nome de Sequoia (árbores milenarias especialmente presentes no noroeste dos Estados Unidos), contará cun rendemento de 20 petaflops, superando con moito ao seu predecesor, que opera arestora no dito Departamento de Enerxía e que foi saudado como histórico ao ter crebado a barreira da unidade de petaflops. A sede de IBM en Rochester, Minnesota, está a dar acubillo ao deseño e desenvolvemento do novo supercomputador. A idea da multinacional, amais de achegar servizos de computación nunca antes achegados, é apostar tamén por un emprego eficaz da enerxía. Con todo, nada hai que indique que será pequeno: ocupará case un centenar de andeis do tamaño dun refrixerador nun espazo de 318 metros cadrados.

PUBLICIDADE