G2, a segunda canle da Galega, estrearase o vindeiro luns

luns, 26 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A Televisión de Galicia leva tempo a preparar unha programación diferenciada para a súa segunda canle que se pode recibir a través da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e que se traducía principalmente na retransmisión de eventos deportivos minoritarios durante as fins de semana, pero o vindeiro 2 de febreiro o cambio será substancial, e a segunda canle dixital da Galega terá unha identidade de seu.
G2 será o nome desta nova canle da TVG, que manterá as retransmisións deportivas nas fins de semana, pero que de luns a venres notarase especialmente polo reforzo da súa programación infantil e xuvenil, que se emitirá de 14:00 a 15:30 e de 17:00 a 20:30 horas, con series coma George e Marta, Megaman, O detective Conan, Martin Mistery, Pingu, Doraemon,Minuscule, Goomer, Cortomaltés e mesmo producións galegas coma Cousiñas ou O Carrabouxo. Tamén ampliará as franxas de emisión con contidos culturais e divulgativos.

PUBLICIDADE