A sección galega do movemento Apertas Gratis abre blog

xoves, 25 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

O mundo está ás veces incomunicado, por moita tecnoloxía que teñamos ó noso arredor que nos pon a seis pasos de tódolos nosos semellantes. Se temos que elixir entre coller unha chamada anónima no noso móbil ou escoitar a alguén que nos para na rúa e nos di que precisa unha aperta e un pouco de compresión, é moi probable que moitos de nós escollamos a primeira alternativa. Probablemente, a culpa non sexa nosa (o mundo fainos así), e haxa que sacar o de dentro para fóra: poñer a roupa limpa no tendal. O caso é que contra este distanciamento xeralizado é contra o que loita Apertas Gratis, un movemento a nivel mundial que se convoca a si mesmo na Rede e que está a ter moita repercusión na nosa terra. De feito, conta xa dende o día 23 cun blog específico dende o que se centraliza a información vinculada a esta rede social e ós seus integrantes en Galiza, integrantes que, por certo, convidan ó resto da comunidade internauta galega a participar na convocatoria do 27 de xaneiro en Coruña. Nesta cidade, que é onde están os creadores do blog, xa se teñen levado a cabo (e con gran éxito) iniciativas deste calibre: achegar apertas, agarimo e un intre de entendemento e sen pedir nada a cambio.

PUBLICIDADE