Milleiros de informáticos mobilizáronse en Galicia pedindo a regulación da súa profesión

xoves, 20 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Os manifestantes coruñeses percorreron a Avenida de Alfonso Molina cara á Delegación do Goberno

Onte se mobilizaron por toda España máis de 37.000 estudantes e profesionais do sector da Enxeñaría Informática para pedir a regulación da súa profesión, acadando moita representación nas cidades de A Coruña (cuns 3.250 manifestantes) e Ourense (cuns 2.000), de xeito que a cidade herculina sería a segunda do Estado en éxito de convocatoria (só superada por Madrid, con 4.500 participantes).
En A Coruña, os manifestantes partiron da Facultade de Informática cara á delegación do Goberno en Galicia (sita na praza de Ourense), para o que tiveron que ocupar un carril da Avenida de Alfonso Molina (principal entrada da cidade), contrastando esta multitudinaria mobilización coa de Santiago de Compostela, na que un par de centos de estudantes leron un manifesto «por unha informática digna» e marcharon cara á Praza Roxa. No manifesto denunciaban que o sector da Informática (dende os ciclos formativos ata a Universidade) carece de regulación dende 1990, en «claro agravio en comparación co resto de titulacións regradas e homologadas polo Estado».
Cómpre destacar que a diferenza de convocatoria nas distintas cidades galegas responde ao número de estudantes e anos nos que levan impartíndose as distintas titulacións universitarias de Informática, sendo a facultade máis veterana a de A Coruña.
Tras estas mobilizacións está programada unha Asemblea Nacional en Salamanca para o vindeiro sábado co obxectivo de analizar os resultados da folga informática e faranse propostas de medidas a adoptar.

PUBLICIDADE