A galega Sonen presenta o seu software para a medición do illamento acústico en edificios

mércores, 15 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

En Galiza estase a facer software de alto nivel alto de especificidade, e iso, lonxe de calquera outra consideración, non pode deixar de ser cualificado como un bo sinal. Esta, a vontade de achegar prestacións e utilidade para contornas e situacións moi concretas, é unha das grandes características da máis recente proposta da firma galega Sonen, o Centro de Acústica e Servizos de Telecomunicacións que ten a súa sede na Tecnópole de Ourense. Máis polo miúdo, o seu novo desenvolvemento informático (que vai ser presentado cun relatorio no II Congreso de Illamento Térmico e Acústico que se está a celebrar en Madrid) vai dirixido ao cálculo de illamento acústico segundo o Código Técnico da Edificación.
Esta regulación, sinala a empresa, é de recente entrada en vigor e abrangue unha nova normativa de salvagarda dos inmobles perante o ruído, algo que lles toca de preto a todos os axentes implicados na súa construción. Ou sexa, que se antes abondaba con avaliar as características das partes do edificio por separado e previa a construción, agora obrígase a analizar a casa coma un todo.
Polo tanto, co fin de levar a cabo este proceso coa total seguridade de cumprir cos regulamentos establecidos, son precisas ferramentas que calculen polo miúdo os niveis de illamento. A ferramenta de Sonen, SonArchitec, sinala a empresa, vai a prol deste obxectivo.
Por certo que o software foi desenvolvido ao longo dos últimos meses en colaboración co grupo de investigación Sonitum da Universidade de Vigo. “Este produto”, engade a empresa, “cobre a lagoa que as esixencias do Código Técnico de Edificación deixou no mercado, xa que as ferramentas de cálculo existentes verifican só o illamento por pares de recintos (habitacións), o que obriga ao arquitecto a introducir varias veces os datos dun mesmo proxecto”. Máis en detalle, o software analiza o conxunto do inmoble, facendo verificacións integrais dos requirimentos para todos os pares de recintos dunha mesma casa, emitindo logo unha folla xustificativa.

PUBLICIDADE