SanDisk propón vender música en tarxetas microSD

luns, 22 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Sandisk sorprende ao mundo propondo o uso de tarxetas microSD de 1 Gb coma soporte de comercialización de álbums de música baixo un produto que se chama SlotMusic e que tamén inclúe un adaptador para que se poidan conectar por USB a un ordenador que non conte con lector deste tipo de tarxetas de memoria.
Segundo Sandisk, BMI Music, Sony BMG, Universal Music Group e Warner Music Group estarían interesados neste soporte, que tería coma principal vantaxe que boa parte dos móbiles multimedia do mercado inclúen lector para tarxetas microSD.
A música almacenada nas tarxetas SlotMusic estará en formato MP3 a unha compresión de ata 320 Kbps, e sen protección DRM, o que mellora a compatibilidade desta solución e a fai máis atractiva. As tarxetas tamén poderían incluír ilustracións ou vídeos musicais, e mesmo se poderían borrar para a súa reutilización.
Aínda que non hai información oficial sobre a comercialización deste novo soporte musical (que dificilmente terá boa acollida en vista da mala saúde dos soportes físicos) se estima que os álbums poderían venderse a prezos de entre 7 e 10 dólares, polo que incluso sería interesante a súa adquisición coma soporte para a gravación de datos.

PUBLICIDADE