Premiados con 2.000 euros oito proxectos de innovación lingüística do galego

luns, 22 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Innovar, máis que no presente, é pensar no futuro. Case de xeito exclusivo, trátase dunha actividade posta ao servizo do que nos agarda, e, en contra do que se pensa, non ten porqué aparecer ligada unicamente ao eido empresarial ou científico, aínda que tamén. Os planos da cultura e máis polo miúdo da educación, a lingua e a identidade tamén necesitan de maneira constante deste pulo actualizador, e máis se do que estamos a falar é dunha cultura e unha lingua rodeada de outras de meirande uso e presenza.
Nesta liña de fortalecer o eido do noso idioma e máis concretamente as vías de facelo perdurar é onde traballan os mestres, investigadores e alumnos que concorren aos premios á innovación lingüística que achegan cada ano a Consellería de Educación (a través da Dirección Xeral de Ordenación) e máis a Secretaría Xeral de Política Lingüística.
As iniciativas galardoadas nesta convocatoria, dadas as coñecer os días pasados e co denominador común do uso intensivo das redes e as ferramentas dixitais, pertencen a oito centros educativos das provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo: IES Félix Muriel (Rianxo), CEIP Aguiño (Ribeira), Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, IES de Rodeira (Cangas), IES As Bizocas (O Grove), IES Perdouro (Burela), IES A Sangriña (A Guarda) e CEIP de Figueroa (A Estrada).
Todas as achegas innovadoras desenvolveranse ao longo do presente curso 2008-2009 e todos os centros recoñecidos recibirán unha axuda económica de 2.000 euros co fin de darlle azos aos proxectos de cara a este curso que vén de comezar. Asemade, informan os departamentos responsables da convocatoria, as iniciativas contarán con formación e asesoramento, documentación e canles específicas para darse a coñecer, tanto no espazo da Consellería de Educación como no de Política Lingüística. A continuación, damos conta dos proxectos premiados, tal e como os están a presentar dende a devandita Consellería.
Eidos de traballo
O proxecto presentado polo IES de Rodeira, de Cangas, parte da análise da situación da lingua en Cangas e ten como obxectivo prioritario superar os prexuízos que afirman que o galego non é a lingua da xente nova; propoñen a realización de actividades en radio, videoconferencias e espazos virtuais na rede para fomentar o uso oral.
Pola súa banda, o IES As Bizocas, do Grove, realizará trípticos turísticos en inglés, francés e castelán coa súa correspondente versión en galego, elaborará información para a web do Concello do Grove e as oficinas turísticas, traducirá as cartas dos restaurantes a diferentes idiomas, entre eles tamén ao galego; e editará un libro sobre biografías de mulleres da vila, entre outras iniciativas.
A proposta promovida polo IES Perdouro de Burela prevé darlle continuidade a un traballo que xa levan desenvolvendo desde hai dous cursos e que inclúe a recompilación de documentación civil en lingua galega, coa que están a construír o Arquivo Documental de Burela. Nesta iniciativa participan numerosas asociacións e entidades públicas e privadas da zona.
Tamén no caso do IES Félix Muriel de Rianxo apostan por darlle continuación este ano a un proxecto que puxeron en marcha o curso pasado, titulado No meu mar, na miña lingua; que ten por finalidade recuperar vocabulario tradicional dos deportes relacionados co mar que se practican no concello de Rianxo.
En canto á Escola Oficial de Idiomas de Ferrol, presentaron unha proposta que ten por finalidade crear espazos de conversa en galego, tanto físicos como virtuais, e nela fixan como obxectivo contactar con todos os países nos que existen lectorados de lingua galega para convidalos a participar na súa experiencia a través de videoconferencias que estarán abertas a toda a comunidade escolar. Deste xeito, danlle continuidade a un proxecto que comezaron o curso pasado.
Outros ámbitos de estudo
O IES A Sangriña, da Guarda, formula un traballo de investigación titulado O tesouro dos nosos avós, que consiste en recompilar información sobre diferentes cuestións da historia recente e que pon o alumnado en contacto coas persoas maiores. Por outra parte, o CEIP de Figueroa, na Estrada, presentou un proxecto de normalización lingüística na radio escolar. Por último, o CEIP de Aguiño, no concello ribeirense, elixiu unha iniciativa para desenvolver ao longo deste curso que leva por título Sereas e heroínas de Sálvora, que xira arredor do mar e que aposta polo uso das novas tecnoloxías da información; prevé a realización de obradoiros en materia de sensibilización sobre a igualdade de xénero e a diversidade funcional.

PUBLICIDADE