Duke Nukem Forever convértese no Vaporware do Ano

venres, 29 de decembro do 2006 Marcus Fernández

A fin do ano provoca unha crise revisionista en tódolos sectores, e a revista Wired elabora habitualmente unha listaxe cos produtos anunciados para o ano que finalmente non se concretaron nunha realidade, o que se dá en chamar vaporware.
Os lectores da revista remitiron á mesma as súas propostas de produtos que quedaron en fume e logo se seleccionaron 10 finalistas, aínda que unha das cousas máis subliñables da presente edición é que produtos coma o Windows Vista ou a PlayStation 3 deixaron de estar presentes na listaxe porque finalmente chegaron ó mercado en 2006.

Duke Nukem Forever é o Vaporware do Ano

Temos así que produtos moi mencionados na Internet coma o teclado Optimus-103 (que tería pequenas pantallas en cada tecla), o Airbus A380 (avión que podería levar a 555 pasaxeiros) ou os televisores con tecnoloxía SED (que combinarían o mellor das pantallas TFT e das de plasma) quedaron en nada,;o que tamén aconteceu con aplicacións informáticas coma o Skype para o sistema operativo Symbian ou o TiVoToGo para Mac; aínda que os reis do vaporware parecen ser os videoxogos, xa que algúns tan anunciados coma Stalker: Shadow of Chernobyl, o Gran Turismo 4 Mobile (para PSP) ou Spore (o novo traballo dos creadores dos Sims) non rematan de chegar ó mercado, aínda que ningún retraso é comparable ó do prometido xogo Duke Nukem Forever, que se comezou a desenvolver en 1997 e se gañou a pulso o seu posto na listaxe de Wired os anos 2000, 2001, 2002, 2003 e 2005, polo que se lle podería considerar sen medo a erro o Vaporware do Ano.
Aparte dos produtos mencionados, aínda hai outro que está na listaxe e que podería tamén converterse nun clásico, pois se trata do relevo do iPod, ou sexa, do reprodutor multimedia que arrebate o liderado de Apple neste tipo de dispositivos, pois a aparicións de dispositivos coma os Sansa de Sandisk, o Zune de Microsoft ou os Zen de Creative non parecen ser suficientes para quitarlle a coroa ó produto estrela da empresa de Steve Jobs.

PUBLICIDADE