Publicada na Rede unha relación de alternativas a Google e Yahoo!

martes, 2 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Agora que todo semella un tirapuxa entre Google, Yahoo! ou Live Search, non está de máis que lembremos que hai máis portas onde pechar e que non todo ten porqué ser un xogo de dous ou de tres. De feito, segundo se nos advirte na web da Universidade de Navarra onde se escolman as principais ferramentas alternativas de procura en liña, hai moitas ocasións (todo depende do tipo que busca que fagamos) en que nin Google nin os seus competidores directos serven de nada. Basicamente e perante unha manchea de operacións, son como pedir un dato concreto e que alguén nos lance dende un quinto andar unha enciclopedia na cabeza (e teremos que dar grazas de que esa enciclopedia non sexa unha escolma de folletos publicitarios con todo tipo de reclamos para que os nosos cartos se movan). En liñas xerais, para moitos casos cómpre (vala a redundancia) buscar de xeito axeitado o noso buscador temático máis idóneo.
O traballo de recompilación, que segundo se nos conta en Chuza! vén da man do profesor Salaverría (especialista en ciberxornalismo), inclúe sitios coñecidos pola comunidade internauta e outros non tanto, dando conta dalgunha das características principais dos mesmos e das ferramentas máis axeitadas para as buscas especializadas. A idea, como se indica no subtítulo da investigación, é a de ter en conta unha serie de recursos para tirarlle o máximo proveito á Web 2.0, sobre todo dende o eido académico, investigador e empresarial.

PUBLICIDADE