Google anuncia Chrome, o seu propio navegador web

martes, 2 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Scott McCloud explica as características de Chrome nun cómic

Nos últimos anos non foron poucos os rumores de que Google entraría no mercado dos móbiles e dos navegadores de Internet, negando a compañía sempre que fose a avanzar nesa dirección. Así, na actualidade Google traballa nunha plataforma de aplicacións para móbiles (pero non nun móbil en si mesmo) e, pese a que sempre apoiaron aos navegadores da Fundación Mozilla, parece que ao final tamén queren ter a súa aplicación para moverse pola web, e onte publicaron un cómic de Scott McCloud (autor de obras de referencia na divulgación da banda deseñada coma Entender el cómic e La revolución de los comics) no que se detalla o que sería o navegador web Google Chrome, unha aplicación de código aberto baseada en WebKit (o mesmo navegador que emprega o Safari de Mac OS X) integrando tamén Google Gears, máquina virtual de Javascript chamada V8 (para acelerar as aplicacións baseadas en web), pestanas de navegación, Omnibox (barra de enderezos con autocompletado), modo privado coñecido polo nome de Incognito (funcionalidade como a que vén de presentar a beta 2 do Internet Explorer 8), listaxe de páxinas webs perigosas constantemente actualizada e a posibilidade de abrir aplicacións web coma aplicacións sen a barra de navegación nin pestanas (o que actualmente se pode facer grazas ao proxecto de Mozilla Prism).

Dá a impresión de que Google non está a traballar nun navegador web completo, senón que o que pretenden é xuntar moitas das ferramentas que se atopan no mercado para empaquetalas nunha mesma aplicación (estandarizando o seu uso conxunto) aínda que resulta realmente abraiante que non se basee no motor Gecko (o que emprega Firefox).
Agárdase que a primeira versión de proba pública de Chrome chegue nas vindeiras horas, chegando primeiro en versión para Windows, e logo para Mac OS X e Linux. O que non se sabe é se esta aplicación se converterá nunha ameaza para o Firefox ou se, pola contra, se limitará aos usos que defenden dende Google, pois dende a empresa do buscador máis popular do mundo consideran que pode ser simplemente unha ferramenta para a execución de aplicacións web, de xeito que sería a plataforma recomendada para acceder a Gmail, Google Reader e outras webs semellantes coma se fosen aplicacións de escritorio (polo que ameazaría máis a aplicacións ofimáticas que a navegadores web).
Sobre a aparencia gráfica deste Google Chrome, dende TechCrunch filtraron unhas imaxes e vídeos, que xa non están dispoñibles, polo que haberá que un chisco para poder probar o novo produto de Google que de seguro que dará moito que falar nas vindeiras semanas.

ACTUALIZACIÓN: Dende pouco despois das 8 e media da tarde xa é posible a descarga e instalación da versión de proba de Google Chrome.

PUBLICIDADE