YouTube retransmitirá os XX OO para 77 países

martes, 5 de agosto do 2008 Raquel Noya

A web de vídeos máis popular da Rede, YouTube, vén de asinar un convenio co Comité Olímpico Internacional (COI) mediante o cal se compromete a realizar tres horas diarias de retransmisións en directo dende Pequín para aqueles países nos que a televisión pública non cubrirá o evento deportivo. Tales países como son a India, Corea do Sur ou Nixeria supoñen unha audiencia potencial duns 200 millóns de persoas, que poderán comezar a gozar destas retransmisións a partires do vindeiro 6 de agosto a través da ligazón, youtube.com/beijing2008.
Con este acordo, os xogos de Pequín convértense nos primeiros da historia en ter unha cobertura global a través de Internet, para satisfacción do COI, que asegura que a súa prioridade agora é “facer que o máximo número de xente experimente a maxia dos Xogos Olímpicos”.
Nembargantes, o contrato asinado con YouTube non asegura que outros países (onde as televisións pagaron grandes sumas de diñeiro por ter os dereitos de retransmisión) poidan gozar destes contidos a través de Internet pois estarán bloqueados.
O obxectivo é pois, que YouTube cubra os Xogos naqueles países onde os dereitos dixitais non foran vendidos ou onde as televisións non negociaran a exclusividade das imaxes.
O COI, pola súa banda, espera que con esta iniciativa se eviten as retransmisións piratas das Olimpíadas e asemade, agarda poder chegar a un público moito máis novo que o que tradicionalmente soe ver os XX OO, xa que a audiencia dos de Atenas 2004 foi superior aos 40 anos.

PUBLICIDADE