Os concellos galegos de menos de 35.000 habitantes contarán con axudas para entrar na Sociedade da Información

xoves, 5 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Os concellos galegos poderán mellorar a súa presenza na Sociedade da Información grazas a unha nova liña de axudas da Consellaría de Innovación e Industria con que se achegará ata o 75% do gasto dos concellos na Internet. Agárdase que esta iniciativa faga posible que o 90% dos concellos galegos participen na Sociedade da Información.
As axudas dividirán as súas actuacións segundo o tamaño demográfico dos concellos, de xeito que se impulsará que os concellos con menos de 6.000 habitantes teñan presenza na Internet a través dunha páxina web propia, mentres que os concellos de entre 6.000 e 35.000 habitantes contarán con recursos financeiros para impulsar novas dinámicas sociais no ámbito da Sociedade da Información mediante ferramentas que fomenten a interrelación entre os cidadáns e o achegamento da administración á xente do concello.
Estas axudas pretende corrixir a situación actual, pois só o 31,25% dos concellos menores de 5.000 habitantes contaban con web en 2005, segundo parece, polos seus poucos recursos económicos.
A Consellería pretende que as páxinas web que se creen estean baseadas en software libre, dispoñan de documentos descargables en formato aberto e teñan o galego coma primeira lingua vehicular, así como procurarán cumprir cos estándares de accesibilidade e usabilidade considerados axeitados pola U.E. como normas de facto (W3C-WAI-AA).
Un total de 184 concellos poderanse beneficiar destas axudas.

PUBLICIDADE