Convocado un concurso de blogs en Ordes

luns, 7 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

Seguimos dando conta de actividades a desenvolver no Centro Comarcal de Ordes e vinculadas coa Rede, e máis concretamente coa Rede de Dinamización da Sociedade da Información da Xunta, unha iniciativa posta en marcha en colaboración cos concellos, con asociacións de veciños e outras entidades para afianzar o uso de Internet naquelas áreas que máis precisan dela. Desta volta, e para ampliar unha parte da oferta formativa que avanzamos a semana pasada, o Centro Comarcal de Ordes e a dita Rede veñen de presentar un concurso de bitácoras en liña. Os obxectivos deste I Concurso de Blogues do Concello de Ordes, que ten aberto o prazo de inscrición (até o 21 deste mes) é dar a coñecer as funcións, as vantaxes e os segredos do caderno persoal en liña, un dos máis accesibles medios de comunicación e expresión da actualidade.
Para participar só se pide un requisito: ter un blog. O día 29 de xullo publicarase no Blogue da Dinamizadora de Ordes o nome do caderno gañador, sendo o día 31 de xullo (ás 13:30) o elixido para facer entrega do premio nun acto no Concello de Ordes. Para máis información contactar coa Dinamizadora da Sociedade da Información do Centro Comarcal de Ordes (981 688 386) de luns a venres de 8:30 a 15:30 ou a través do correo electrónico: rebeca.ordes@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.

PUBLICIDADE