RedCoruna e a web do Deportivo, atacadas logo do partido de España e Rusia

luns, 30 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

O fútbol, que repercute sobre a vida (é quen de baleirar as rúas e as estradas dun país enteiro e de permitirnos, aos non futboleiros, un regreso da praia do máis tranquilo), tamén o fai abondo sobre os medios de comunicación (con horas e máis horas de información inflada) e, tamén, sobre a Internet mesma. E non só sobre o seu contido, senón sobre o comportamento dos internautas e as súas incidencias. Poñamos un exemplo: que o país ao que pertences vén de perder con outro ao que non lle tiñas manía pero que agora, por mor da competición, converteuse no teu inimigo? Pois nada mellor que lanzarlle un ataque de Denegación Distribuída de Servizo, chamado DDos, e que, como o seu propio nome indica, consiste no envío dunha gran cantidade de solicitudes de información aos servidores dunha páxina web concreta e que ten a finalidade de impedir o acceso dos usuarios. Isto foi precisamente o que lle ocorreu o 26 de xuño ás 23.30 horas á compañía galega de hosting RedCoruna, xusto logo do partido de España e Rusia e que rematou coa vitoria do primeiro país.
Dase a casualidade de que o ataque, que tivo tamén o obxectivo fundamental de deixar fóra de liña á web do Deportivo da Coruña (deixouna caída durante preto dunha hora, segundo sinala A Nosa Terra), veu procedente de Rusia e máis de Ucraína.
Máis polo miúdo e moi probablemente, chegou da man de seareiros con coñecementos de informática e alporizados co resultado do partido. Con todo, e segundo informa a firma RedCoruna, a acción non tivo consecuencias alén das devanditas (a caída durante uns 60 minutos). De feito, coa monitorización dos equipos durante as 24 horas do día posta en marcha pola empresa e con outras medidas de seguridade, conseguiuse detectar o DDos de xeito rápido e, dispoñer, en consecuencia, dispositivos de filtrado máis fortes e axeitados para a ocasión. O ataque, informa RedCoruna, tivo unha duración de 11 horas durante as que os técnicos da dita empresa “traballaron arreo para detelo e que non tivese meirande repercusión”. Finalmente, evitouse a caída dos servidores.

PUBLICIDADE