O xogo catalán Kroll chegará ao iPhone en setembro

xoves, 19 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Durante a última presentación de Steve Jobs na que se deu a coñecer o iPhone 3G tamén se adiantaron varios xogos para o móbil de Apple, entre os que destacou especialmente un título de acción con certas reminiscencias a God of War, que amosou Xavier Carrillo, director da empresa barcelonesa Digital Legends.
Agora sabemos que este xogo se chama Kroll e acadou unha grande repercusión mediática pois durante a súa presentación aseguraban que as imaxes amosadas eran resultado de só 2 semanas de traballo co SDK para o iPhone.


Vídeo de demostración do xogo

O xogo destaca pola calidade das súas animacións, os seus gráficos tridimensionais (case á altura dun título para PSP), as sombras dinámicas ou o xeito de empregar a pantalla táctil do iPhone, acadando un nivel comparable aos xogos para consolas portátiles.
O responsable de contidos de Digital Legends, Simón Lee, declarou a La Vanguardia que «no iPhone a falta de botóns é outro problema, aínda que en contrapartida a pantalla táctil e os acelerómetros abren novas posibilidades».
O que parece claro é que Apple escollese a este xogo para a presentación do iPhone 3G foi o mellor que lle pasou á empresa catalá nos seus 7 anos de historia, xa que agora é coñecida mundialmente. O xogo Kroll está aínda en desenvolvemento, polo que ata setembro non estará rematado.

PUBLICIDADE