Asus Eee PC 701 chega oficialmente a España

mércores, 28 de maio do 2008 Marcus Fernández

Hoxe presentouse oficialmente en España o ordenador Asus Eee PC 701, nun evento no que Asustek contou coa compañía de Microsoft, xa que o novo equipo se venderá tanto con Linux coma con Windows XP, anunciando Rosa García que os ordenadores ultraportátiles que están a aparecer por lexión non teñen o mesmo XP que tiñamos nos nosos equipos anteriormente, senón que se trata dunha versión especialmente preparada para os ordenadores de pequeno tamaño e capacidade de disco, e que esta versión non será abandonada por Microsoft, senón que contará con actualizacións puntuais.
O Asus Eee PC 701 que chega oficialmente a España funciona cun procesador Intel, 512 Mb de RAM, 4 Gb de RAM e unha pantalla de só 7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, que se venderán con Linux por 299 euros e con XP por 329 euros. Estes portátiles pesan menos dun quilogramo, pero o reducido tamaño da súa pantalla é unha das súas principais eivas, que corrixiron co lanzamento do Eee PC 900, cunha pantalla de 8,9 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles (o que xa permite ver con satisfacción as páxinas web actuais), e que non chegará ao noso país ata setembro pese a que xa se comercializa noutros mercados.
Dende Asustek pediron desculpas polo retraso en desembarcar en España (o que aproveitou Airis para sacar o Kira 100) pero o certo é que tampouco hai moita presa por colocarse no mercado ata despois do verán, cando comezarán a aparecer moitos equipos baseados nos novos procesadores Intel Atom, e que iniciarán toda unha guerra por facerse cunha posición dominante no sector dos ultraportátiles de baixo custo.


Vídeo-resumo da presentación

PUBLICIDADE