As webs dos hospitais españois, pouco accesibles

martes, 6 de maio do 2008 Raquel Noya

Segundo un estudo levado a cabo por investigadores da Universidade Miguel Hernández (UMH) de Elxe (Alacante), “tan só un terzo das páxinas web dos hospitais españois poden ser consideradas como accesibles de acordo coas normas internacionais”.
Este estudo comparativo analizou as webs dos hospitais de España, do Reino Unido e dos Estados Unidos e concluíu que segundo o Test de Accesibilidade Web, a ferramenta en liña que informa sobre o grao de accesibilidade dos sitios en Internet, “a maioría non cumpren cos requisitos esixidos”.
O test TAW baséase nos criterios recomendados polo W3C (World Wide Web Consortium), un organismo internacional que supervisa a estandarización e o funcionamento da Rede, e, segundo o mesmo, a maioría das páxinas dos ditos hospitais non están adaptadas, por exemplo, para ser consultadas por persoas con discapacidades.
Joaquín Mira Solves, coordinador do traballo e profesor do Departamento de Psicoloxía da Saúde da UMH, advertiu que os webmasters “deberían tomar as medidas oportunas para solucionar este problema” e salientou a necesidade de crear canles de comunicación para facilitar a interacción do internauta co centro de saúde, xa que “ningún dos centros españois analizados presenta nos seus sitios web un formulario de solicitude de información por Internet ou por correo electrónico”.
Asemade, Mira Solves indicou que as webs analizadas non inclúen algo tan doado como a data de actualización da información ou os datos que certifiquen a calidade do hospital, como as normas ISO, as da EFQM (Fundación Europea para a Xestión da Calidade), os resultados das enquisas de satisfacción ou os compromisos de calidade co doente.
Un dos principais obxectivos deste estudo da UMH é “suxerir áreas potenciais de mellora, non realizar un ranking de hospitais” polo que non precisaron publicar os nomes dos 32 centros hospitalarios postos a proba (10 británicos, 10 estadounidenses e 12 españois).

Lexibilidade e comprensión das webs
Outro dos datos que reflicte o estudo é que só o 8 por cento das webs dos hospitais españois informan sobre as súas ofertas de emprego, mentres que en EE UU e en Gran Bretaña fano o 100 por cento dos centros hospitalarios.
Por outra banda, e sempre segundo datos recollidos a partires do devandito estudo, os sitios web dos centros españois informan nun 83 por cento das publicacións en revistas científicas dos seus profesionais, mentres que só o fan un 20 por cento dos americanos.
Respecto da lexibilidade, medida con diversos índices (Flesch e Fernández Huerta), os textos incluídos nas páxinas dos hospitais españois presentaron unha facilidade de lectura “media estándar”, puntuación que non acadou ningún dos hospitais americanos e só tres británicos.
Para rematar, ningún dos sitios web españois visitados mostrou unha baixa comprensión, mentres que custaría entender un 10 por cento dos británicos e un 50 por cento dos americanos.

PUBLICIDADE