En maio lanzarán un clon de Stage6

venres, 25 de abril do 2008 Marcus Fernández

A finais de febreiro pechou o servizo web Stage6, que permitía publicar na Internet de xeito doado vídeos en formato DivX que se podían ver logo dende o propio navegador grazas a un engadido, converténdose nunha alternativa a YouTube na que prosperaron películas completas e series de televisión, de xeito que a súa popularidade se disparou ata que morreu de éxito (e ante potenciais medidas legais da industria audiovisual).
Nos últimos días estase a xermolar o que promete ser o retorno de Stage6 mediante un servizo clónico, que nun principio se anunciaba baixo o nome de DivXit, o que finalmente se abandonou (posiblemente por basearse no logotipo de DivX, empresa que non ten ningunha relación con esta iniciativa) e que pasou a chamarse Vreel, prometendo a súa apertura para o vindeiro 6 de maio, cando comezará a funcionar en probas.
Esta nova web asegura que dará un servizo de balde baseado no codec DviX e no reprodutor web deste formato, de xeito que achegará vídeo de alta definición e que permitirá a publicación de ficheiros de vídeo de ata 800 Mbytes de tamaño (que podería ampliarse ata 1 Gb máis adiante).
Queda por ver se este servizo consegue manterse no tempo e non morrer de éxito.

PUBLICIDADE