O HP 2133 Mini-Note PC incorpórase á familia de ultraportátiles de baixo custo

mércores, 9 de abril do 2008 Marcus Fernández

Confirmando aos ultraportátiles de baixo custo coma os produtos do ano HP presenta o seu Mini-Note, de xeito que non só fabricantes coma Asus ou Airis apostan por esta liña de produtos con tanto potencial.
O HP 2133 Mini-Note PC xa se pode encargar, aínda que non estará no mercado ata o vindeiro día 30, e ten uns prezos de entre 499 e 849 dólares segundo a súa configuración.
Estes novos equipos están orientados a rapaces en idade escolar, de xeito que poidan contar cun equipo informático completo a un prezo reducido.
Os HP Mini teñen un deseño moi robusto, con protección anti-caída para o disco duro, pantalla resistente ás rañaduras, unha cobertura nas teclas para protexer as letras impresas nas mesmas, unha pantalla de 8,9 polgadas cunha resolución WXGA, TouchPad, webcam, Wi-Fi e diversidade de software.
O modelo máis económico vén co sistema operativo SuSE Linux Enteprise Desktop 10 preinstalado, conta cun procesador VIA C7-M ULV a 1,0 GHz, 512 Mb de RAM e 4 Gb de NAND Flash, mentres que o modelo superior inclúe Windows Vista Home Basic 32, un procesador VIA C7-M ULV a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, un disco duro de 160 Gb e mesmo conectividade Bluetooth 2.0.

PUBLICIDADE