A galega Arume, recoñecida polo seu labor a prol da accesibilidade nos Premios TAW

martes, 28 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

A empresa galega Arume Desenvolvementos Informáticos está entre os premiados na segunda convocatoria dos Premios TAW (Test de Accesibilidade Web), galardóns nos que concorreron 144 participantes de toda España e que recoñecen o traballo feito por institucións e entidades privadas a prol de diminuír ou -a poder ser- eliminar os atrancos que teñen no camiño as persoas con discapacidades á hora de integrarse na Sociedade da Información.
Cómpre sinalar que Arume é unha empresa da Coruña e que desenvolve o seu labor no eido da enxeñería informática, e principalmente no desenvolvemento de aplicacións de escritorio e de páxinas web, así como en dar servizos de aloxamento para estes espazos en Internet.
Ó fronte de Arume atópase a moza María Cruz Lorenzo Rivadulla, que dende a posta en marcha deste proxecto (en maio de 2006) empresta especial atención ás esixencias e estándares de accesibilidade e calidade internacionais, como WAI ou W3C. Amais de Arume, os gañadores do certame foron (na categoría de institucións públicas) o portal web Mayores do Instituto de Mayores e Servizos Sociais (Imserso) e máis o espazo en rede do Concello de Zaragoza.
En empresas, tamén foron recoñecidos os esforzos desenvolvidos a prol da accesibilidade de Caixa Terrassa; e en organizacións sen ánimo de lucro a gran vencedora foi a entidade Circunvalación do Hipocampo. Por outra banda, no eido de proxectos de investigación, o galardón foi dar á iniciativa GIS Sigma. Cómpre dicir que estes premios están organizados pola Fundación CTIC (Centro Tecnolóxico da Información e a Comunicación).

PUBLICIDADE