Kouziro Frontier: un novo portátil lixeiro a un prezo moderado

venres, 14 de marzo do 2008 Marcus Fernández

Ó Asus Eee PC estanlle a aparecer moitos competidores, e agora parece que é o Macbook Air de Apple o que tamén se ten que enfrontar a outros portátiles que destacan polo seu lixeiro peso, aínda que neste caso se acada a un prezo moi competitivo, pois o Kouziro Frontier se vende no Xapón a 129.799 iens (827,40 euros) fronte ós dende 1.649 euros do equipo de Apple.

O Frontier é realmente un equipo lixeiro

Aínda que o Frontier non destaca polas súas elevadas prestacións, nin é máis delgado que o Macbook Air, o seu peso é máis reducido, e nos seus 1.249 gramos incorpora unha pantalla de 12,1 polgadas (con iluminación LED), un procesador Intel A110 a 800 MHz, 1 Gb de RAM, disco duro de 80 Gb,1 porto PCMCIA, saída de monitor, módem, Ethernet, lector de tarxetas de memoria e 3 portos USB. No tocante á súa autonomía, tampouco queda mal parado, chegando a unhas 4 horas.
O novo equipo da serie FRLN resulta bastante completo en prestacións, aínda que o seu procesador é posiblemente o seu talón de Aquiles (elemento que podería non resultar crucial para o uso en mobilidade). Tamén destaca por ter un teclado resistente a salpicaduras, un disco duro con protección contra caídas e un lector de pegadas dixitais, características pouco habituais nun equipo desta gama de prezo.

PUBLICIDADE