Os ultraportátiles baratos de Asus gañan popularidade en España

venres, 22 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Cada vez hai máis Eee en España

Se o iPhone foi o móbil máis desexado durante 2007, o Asus Eee PC parece ser o equipo informático máis prezado no presente ano, non por ter unhas prestacións técnicas impresionantes, senón por ter unha alta portabilidade e un prezo moi axustado, que coma no caso do móbil de Apple, se resiste a chegar a España por canles oficiais.
Asustek decidiu que o seu ordenador de baixo custo se espallará xeograficamente dun xeito paulatino, para poder adaptar o seu software (unha distribución de Linux chamada Xandros) ós idiomas de cada país, polo que ata o momento só está dispoñible en mercados asiáticos e anglofalantes.
Pero estas limitacións xeográficas parecen non responder axeitadamente á realidade, xa que hai bastantes españois que están a encargar os Asus Eee a tendas británicas e chinesas. Podemos así mercar as versións inglesas do Eee 700 e 701 a 349,95 e 365,52 euros respectivamente, mentres que en tendas taiwanesas o prezo baixa dos 300 euros.

Instalación do Windows XP no Eee

Trala adquisición, resulta relativamente doado cambiar o idioma do ultraportátil ó español, aínda que parece que o uso de Linux neste equipo non é a mellor experiencia posible por contar cun software que conta con pouco soporte por parte de Asustek (as actualizacións destacan pola súa ausencia) de aí que certos usuarios prefiran instalar Windows XP no equipo (para o que normalmente fan unha redución para que ocupe o mínimo posible, e no Xapón xa hai equipos co XP preinstalado) ou mesmo Mac OS X.
Resulta curioso coma un equipo que tampouco resulta tan económico (non esquezamos que nas tendas hai portátiles completos por 399 euros) está a acaparar tanta atención, e está a provocar a reacción doutros fabricantes, que prometen equipos a prezos máis reducidos, e aínda que nun principio parecen ser ordenadores para cativos, ó final se están a converter nunha alternativa económica a outros UMPC.

PUBLICIDADE