Unha empresa británica lanzará un portátil a menos de 100 libras

luns, 18 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

O vindeiro día 28 a empresa británica Elonex presentará oficialmente durante o Education Show 2008 de Birmingham un ordenador portátil a menos de 100 libras esterlinas (uns 133 euros) coa intención de producir unhas 200.000 unidades para o verán, o que sería unha excelente opción para cativos e mozos, por achegarlles unha informática económica.
O Elonex ONE ten unha pantalla de 7 polgadas, pesa menos de 1 Kg., 1 Gb de memoria Flash, Wi-Fi, altofalantes e unha especie de joystick que faría de rato virtual. Tamén prevén unha versión superior con Bluetooth e 2 Gb de capacidade, que se vendería por unhas 120 libras esterlinas.
Este novo equipo funcionará co sistema operativo Linux, de xeito que incluirá procesador de texto, folla de cálculo, navegador de Internet, aplicación para a xestión do correo electrónico, mensaxería instantánea, editor fotográfico, xogos e reprodutor de MP3.
O ONE non incorpora reprodutor de CD ou DVD, pero resulta sumamente atractivo poder adquirir por 99 libras esterlinas un equipo que permite acceder á Internet.

PUBLICIDADE