Enredad@s serve coma punto de encontro para estudar a situación da Internet galega

sábado, 18 de novembro do 2006 Redacción

Enredad@s chegou este venres ó seu momento máis galego e así, no evento organizado polo Consello da Xuventude de Galicia, tras un relatorio sobre software libre e unha conferencia de Carlos de la Iglesia (director de comunicación de Microsoft Ibérica), distintos persoeiros da Internet galega deron a súa particular visión da Rede.
A mesa redonda comezou cunha intervención de Marcus Fernández, quen chamou á reflexión sobre a fenda dixital no rural e as dificultades existentes non só na conexión por banda larga senón á propia Rede mediante módem, así como tamén fixo un repaso dos expoñentes que conforman a Internet que coñecemos agora, destacando as publicacións electrónicas galegas coma Vieiros, os blogs galegos premiados tanto a nivel estatal coma internacional e a aparición de auténticos soportes sociais na Internet como Blogaliza, Blogalego ou Chuza!.
Javier Wicho Pedreira falou da súa participación no blog español máis importante do mundo, Microsiervos, comentando interesantes conceptos que xustifican o seu éxito como o aproveitamente da longa cola, a publicación de temas do interese do autor e mesmo o bo trato por parte de Google.
Roberto Noguerol (de Vieiros) destacou que os blogs simplemente están a atender unha demanda dos cidadáns por achegar información sobre os temas de interese, aínda que tamén auspiciou a posibilidade dunha degradación do fenómeno dos blogs por culpa do seu propio éxito, concepto que tamén tocou María Yáñez (ex-directora de Vieiros).
Ben distinto é o perfil de Manuel Bragado, que no seu blog Bretemas trata temas normalmente relacionados con mundo editorial (no que traballa).
José Manuel Lage Tuñas (un dos poucos políticos galegos con blog) comezou a súa intervención definíndose coma un novato na publicación na web e destacando que esta nova ferramenta dálle unha voz ós políticos. Lage pechou a súa intervención animando ós asistentes a facer uso da Rede, pondo así o broche de outro a unhas reflexións sobre a web en Galicia que resultaron moi ilustrativas de cómo está o panorama actual.
Pero a mesa redonda foi seguida por unha das conferencias máis agardadas, a de Enric Sopena (director de ElPlural.com), que tras autodefinirse coma un recén chegado á Rede comparou a revolución que está a vivir a Rede coa aparición na televisión (o que tamén serviría para auspiciar que a coexistencia de medios é posible).
Destacou que agora o 80% dos xornais dixitais dependen de medios afíns á dereital. (tendo como principal expoñente a Rupert Murdoch), o que non parece agradar a Sopena.
Para rematar o día, os asistente puideron acudir a un taller de creación de Blogs, o que seguro que animará a moitos a probar a entrar neste eido en constante cambio no que cada día Galicia ten máis presencia.

PUBLICIDADE