O Xornalismo 3.0 a debate en Compostela

xoves, 16 de novembro do 2006 Marcus Fernández

Este xoves comezaron unhas xornadas dirixidas ó mozos e organizadas polo Consello da Xuventude de Galicia (CXG) que baixo o título de Enredad@s pretende instruír ós asistentes sobre a situación actual da Internet dende distintos puntos de vista que van dende os buscadores de Internet ata o fenómeno dos blogs.
Nesta primeira xornada, aparte do acto inaugural (conducido polo Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, e a Presidenta do CXG, Mª Dolores Rodríguez Amoroso) e de varias conferencias, celebrouse unha interesante mesa redonda sobre o chamado Xornalismo 3.0, que suscita moita polémica por mor da importancia que se lle dá ó periodismo cidadán.
Discutiron sobre o tema Alfonso Rojo Director de Periodista Digital; Sergio Barriocanal, director da edición coruñesa do Diario Qué; Santiago Tejedor, profesor da UAB e editor do blog Tejiendo ideas; Javier Monjas, editor de Nuevodigital.com e Santiago Sangiao, director de Xornal.com.
Alfonso Rojo defendendo a profesionalidade xornalísticaNo debate enfrontáronse posturas como a de Alfonso Rojo e favor do periodismo cidadán e a de Javier Monjas, que cualificou a esta práctica de ser o “xornalismo de botellón”. Ademais, participantes coma Sergio Barriocanal destacaron que no mundo dos blogs hai un exceso de opinión e falta de información, mentres que os integrantes da mesa de debate coincidiron todos en reflexionar sobre o xornalismo e a realidade da relevancia e a influencia da información.
O público asistente realizou interesantes achegas ó debate, criticando duramente ós medios tradicionais (por dar unha visión partidaria da realidade), chamando á reflexión sobre a censura ou defendendo que certas informacións deberían ser tratadas dun xeito máis profesional para a súa correcta comunicación.
O debate non rematou cun consenso, xa que as dúas visións particulares dos cambios que están a converter ós cidadáns en xornalistas non parecen convencer a todos, de xeito que ninguén puido rebater solidamente a afirmación inicial de Javier Monjas cando dixo que “cidadáns somos todos, xornalistas non”, aínda que tamén quedou claro que a distinción entre a difusión de información e o periodismo non está moi clara no que é todo un cambio de paradigma que revolucionou o sector da comunicación, xa que pasaron os tempos nos que eran precisos uns grandes recursos para poder facer chegar unha mensaxe a todo o mundo.

PUBLICIDADE