O BBC iPlayer estrea versión Flash

xoves, 13 de decembro do 2007 Marcus Fernández

O BBC iPlayer reproducindo o último capítulo da serie Love Soup

A BBC é todo un referente mundial coma televisión pública, e a apertura á Internet a través da aplicación BBC iPlayer supuxo toda unha revolución, pois foi un dos pioneiros en achegar a súa programación ós internautas, aínda que ó estar baseado en tecnoloxía DRM de Microsoft no permitía o acceso ós seus contidos para os usuarios de Mac e Linux.
Para facer máis doado e aberto o acceso ó BBC iPlayer, a canle televisiva británica vén de estrear unha versión baseada en tecnoloxía Flash, de feito que xa se pode acceder ó seu arquivo audiovisual (que tamén inclúe radio) a través do navegador web de xeito semellante a como fan servizos coma YouTube, aínda que limitando o acceso a enderezos IP do Reino Unido.
Con esta evolución do BBC iPlayer remátase coas críticas ó servizo (especialmente dos linuxeiros) e os británicos xa non se teñen que preocupar por perder os seus programas e series favoritas porque poderán rescatalas da Internet sen precisar descargalas nin instalar software adicional, o que resulta moi cómodo e atractivo.

PUBLICIDADE