Expertos en turismo sinalan en Santiago que o medre do sector pasa só por unha canle: a Internet

venres, 19 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

O Seminario de Turismo e Novas Tecnoloxías que se celebrou estes días en Santiago e que organizou a Consellería de Innovación coa axuda de EGANET, serviu, entre outras cousas, para crebar unha serie de tópicos vinculados coa Rede e o sector turístico. Por exemplo: malia o que se poida pensar, a Rede non só é un instrumento de primeira orde para procurar contidos sexuais. De feito, e para facérmonos unha idea, en determinados servizos de procura xa é máis importante a palabra “hotel” cá verba “sexo”. Isto que a primeira vista é un dato sen moita relevancia, reflicte sen embargo un fenómeno que xa non é cousa do futuro senón que, como sinalou Rubén López (director de Elogia Media-GaliciaBanner), ferve de actualidade: a Rede é unha parte imprescindible do mercado turístico, das actividades publicitarias, das súas operacións de venda e da súa xestión.
No encontro, que tivo lugar no Palacio de Congresos baixo o epígrafe Cómo posicionar un espazo en Internet, déronse cita representantes de ambos bandos (turismo e Rede) e mesmo dos eidos académicos e institucionais: Rubén Lois, director xeral de Turismo da Xunta; Manuel Gago Mariño, director de Culturagalega.org; Javier González Soria, director de División de Turismo España e Portugal de Google; Víctor López, xerente de AVA; Manuel Pan de Abertal ou o devandito Rubén López, de Elogia-GaliciaBanner.
Un dos relatores máis interesados en tirar abaixo ideas preconcibidas (ideas que, por outra banda, son ás veces o principal atranco do afianzamento do emprego da Rede) foi precisamente o director desta última empresa con sede en Vigo, para quen está claro que en empresas como Sol Meliá (presente, por certo, no seminario) non hai un traballador que opine que a Rede é o futuro. En calquera caso, todo o equipo ó completo desta cadea de hoteis sosterá xa, sen ningún tipo de dúbida, que a Rede é o presente. Isto que sabe Sol Meliá, porén, non o sabe unha boa parte do sector turístico, sobre todo o que atinxe ás empresas medianas e pequenas, que son as máis reacias a aceptar a realidade. “Tendo en conta isto”, engadiu Rubén López, “tendo en conta o crecemento de firmas que como Sol Meliá apostan de xeito decidido pola Web, aceptando que unha boa parte dese medre vén dado polo emprego desta plataforma, como é posible que renunciemos aínda a estar no mercado en liña?”. Polo tanto, sinalou, non é que as cousas estean a mudar, é que xa mudaron, e para comprobalo abonda (dixo) se cadra con ver o ranking dos 50 principais anunciantes en publicidade en liña (cunha parte da listaxe acaparada polo sector turístico) ou con poñer perante os nosos ollos a escolma daquelas “cousas” que máis se mercan hoxe en día en Internet, estando as viaxes e os aloxamentos no lugar máis visible de todos (e mesmo hai persoas que acabando de chegar á Rede, algo cen por cen novo para eles, estréanse na compravenda en liña cun paquete turístico).
López achegou datos sobre as vantaxes da plataforma tecnolóxica fronte a outras canles:
· Aglutina todas as vantaxes dos medios de comunicación tradicionais incorporando o factor interactivo. Tanto é así, que a súa interactividade mesmo está a mudar as nosas relacións sociais. Por exemplo: máis dun terzo dos solteiros españois opina que a Rede é un bo instrumento para coñecer xente.
· En Internet funciona eficazmente o valor de marca. Exemplificou isto co caso de Google (presente no Seminario), que (ó seu xuízo) é un selo que temos interiorizado. “Dá igual que alguén desenvolva unha ferramenta mellor, unha boa parte de nós seguirá usando o Google, porque xa o temos convertido en rutina”, comentou.
· Cobertura con valor. Neste senso, Internet presenta unha gran diferenza con respecto ó resto dos medios: podemos chegar a unha cobertura moi grande cunha mensaxe rica. Con esta plataforma, a riqueza da mensaxe xa non é inversamente proporcional á cobertura.
A experiencia en liña de Sol Meliá: un caso de medre 2.0
A Web 2.0 radica en boa medida no feito de darlle ó usuario o control da páxina”. Isto que valería para explicar o éxito da nova orde de Internet tamén valería para explicar o de Sol Meliá, cadea de hoteis que estivo representada no seminario compostelán por Antonio Batanero, director de Marketing da empresa, para quen (como dixemos) está claro que a Rede é boa por si mesma en calquera tipo de negocio, sexa turístico ou non, sexa grande ou non, pero que é mellor aínda se se acompaña todo dunhas boas doses de “2,0”. Ou sexa: se amais de permitirlle ó internauta o acto de compartir, se lle valora e se lle sitúa como centro do cen por cen das operacións dunha empresa na Rede. Para facernos unha idea da traxectoria de Sol Meliá na Internet, cómpre dicir que as gráficas de medre de ingresos e usuarios son directamente proporcionais ás do nivel de actuación na Internet. Cada gráfica presenta un trazado equivalente, sendo un pouco cada unha (a partir de determinado intre) causa e consecuencia da outra.
Batanero fixo un percorrido por esta “vida en liña” da empresa que representa e falou de cómo uns servizos foron substituídos por outros, na procura de atopar a resposta máis definitiva de todas as respostas: o que realmente quería o usuario. Ó seu xuízo, co paso dos anos foi quedando cada vez máis claro que o quere o usuario é ter o control da web e, a maiores, un buscador eficaz ó alcance da súa man. “Nós”, dixo, “queremos tender a seguir o mesmo ronsel que o buscador Google, onde se soubo dende o primeiro intre que era o que desexaba o 99% dos internautas que o visitaban: facer procuras”.
Neste senso, falou tamén da traxectoria seguida por cadeas de hoteis de todo o mundo, algunhas delas apostando até hai pouco por webs máis ou menos estáticas onde non se achegaba a posibilidade de facer buscas, pero hoxe en día practicamente todas permitindo realizalas e asistindo nalgúns casos a un incremento de usuarios do 140%.
Imaxe de información turística vista no caderno de Tezzer57 en Flickr.

PUBLICIDADE