A I Xornada TIC Ferrolterra celebrarase o vindeiro 5 de outubro promovendo o diálogo tecnolóxico

xoves, 27 de setembro do 2007 Raquel Noya

A Asociación TIC (Empresas de Tecnoloxías da Información e a Comunicación) vén de anunciar a celebración da I Xornada TIC Ferrolterra que se desenvolverá o vindeiro 5 de outubro en Ferrol. A dita xornada é un encontro de divulgación sobre as solucións informáticas e de telecomunicacións orientada a empresas e organismos, a través da que se pretende achegar as novas tecnoloxías ás institucións de Ferrolterrra e abrir un espazo de comunicación e diálogo.
Nas distintas presentacións que se vaian desenvolvendo ó longo do acto, os asistentes serán informados sobre as últimas innovacións do mercado e as solucións que mellor se poden afacer ás empresas e organismos interesados, acadando diversas aplicacións de utilidade para a súa posta en marcha.
O coñecemento e o investimento en ferramentas como o Software Libre, o CRM, as aplicacións multiplataforma, os mundos virtuais na liña do Second Life ou o servizo de intelixencia empresarial... son algúns dos relatorios que se desenvolverán neste encontro TIC, que lles van permitir ás empresas mellorar os seus servizos e acadar unha mellor optimización dos mesmos.
A través deste evento, amais de ficar patente a grande calidade que teñen os servizos TIC que ofrecen as empresas galegas, porase de manifesto a potencialidade e máis o dinamismo que ten o sector TIC grazas ó medre experimentando nos últimos anos.
Á xornada acudirán -entre outras personalidades- o presidente da Asociación, Manuel Míguez, o vicepresidente da Deputación, Pablo Villamar e o Presidente de Blusens, José Ramón García así como o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, quen fará unha reflexión sobre o mundo das novas tecnoloxías.

PUBLICIDADE