A Aula de Música de Cámara da Coruña reforza a súa presenza na Rede

luns, 17 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

A Aula de Música de Cámara do Conservatorio Superior de Música da Coruña está a reforzar a súa pegada na Web, bebendo amais das novas correntes de feitura e fondo participativo, logo da xa relativamente longa experiencia da Aula na Internet coa súa web en galego, a bitácora en galego e a súa mediateca en liña. O que vén de presentar agora a escola é Músicadecamara.com.es, un novo espazo publicado desta volta en castelán co que se quere tirar partido do dominio propio –adquirido hai pouco- e das máis recentes tendencias da Rede, tanto no estético como no funcional.
Á espera de que se aposte tamén neste caso por unha versión en galego (que, dende logo, enriquecería moito a xa de por si completa “vida virtual” da Aula), cómpre sinalar que os obxectivos básicos da nova proposta son os mesmos cós das súas antecesoras: informar de música e (tamén) facer música informando. No novo espazo inclúense calendarios de actividades, bitácoras, galería de imaxes e unha sección chamada Audiocámara, unha interesante sección na que se inclúen rexistros en audio e vídeo de diversas obras camerísticas de autores como Mozart, Beethoven ou Schoenberg.

PUBLICIDADE