Vodafone faise coa exclusiva dalgúns dos móbiles máis desexados do momento

luns, 10 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Nas últimas semanas parecía que as operadoras de telefonía móbil europeas estaban a pelexar a morte por facerse coa exclusiva da comercialización do iPhone de Apple, pero o certo é que tamén miran doutros terminais no mercado para poder captar novos clientes (e reter ós actuais) e Vodafone vén de desvelar cal será a súa aposta para o Nadal, de xeito que se fixo coa distribución exclusiva do Nokia N95 cun disco duro de 8 Gb, o Samsung SGH-F700V e o Sony Ericsson W910i.
Estes novos móbiles resultan especialmente atractivos para moitos usuarios, e así, o desexado Nokia N95 (que destacaba por ter GPS e unha cámara de 5 Mpíxeles) terá aínda máis caché comercializado por Vodafone (ó incorporar 8 Gb de capacidade para o almacenamento de contidos multimedia), mentres que o Samsung SGH-F700V é un dispositivo moi axeitado para os amantes da produtividade móbil, xa que aparte dunha grande pantalla inclúe un teclado QWERTY deslizante. Os amantes da liña Walkman de Sony terán pola súa banda o W910i, que combina á perfección a multimedia coa banda larga móbil.
A compañía británica ampliará o seu abano de móbiles con modelos baixo a súa propia marca, coma son o Vodafone 810 (deslizante) e o Vodafone 720 (de tapa).
A meirande parte dos modelos que se lanzarán de cara ó final do ano non só terán 3G, senón que soportarán HSDPA, e incluirán o soporte de servizos coma eBay, Google, Google Maps, MySpace ou YouTube, así coma o correo electrónico ou a mensaxería instantánea.

PUBLICIDADE