Google Books permite publicar na web fragmentos de libros de dominio público

venres, 7 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Selección dun fragmento do Quixote en Google Books

O servizo Google Books transfórmase en toda unha ferramenta social e vén de engadir unha funcionalidade que permite coller partes de libros de dominio público en formato texto ou gráfico para incrustalos directamente en blogs, páxinas web ou no servizo Google Notebook.
Esta nova característica incita así ós blogueiros a comentar fragmentos de libros nos seus cadernos dixitais, de xeito que tamén permiten remitir ós usuarios á fonte orixinal, co que se comparten e difunden os textos, e permite ós internautas descubrir moitos libros.
Google Books xa permite buscar entre un catálogo impresionante de títulos, facer críticas sobre os mesmos, confeccionar unha biblioteca persoal, acceder ós índices dos volumes, consultar fragmentos dos libros e mesmos achega ligazóns a tendas nas que se poden mercar en formato físico ou bibliotecas públicas nas que atopalo.


Exemplo de incrustación dun fragmento dun libro mediante Google Books

Convértese así nunha ferramenta moi útil para a difusión cultural que parece bastante respectuosa cos dereitos de autor, xa que só permite utilizar tódalas súas opcións nos textos libres, mentres que no resto de publicacións ten as súas funcións limitadas (só amosa algunhas páxinas e non permite incrustar fragmentos en páxinas web).
Agora, se queremos recomendar un libro ou comentar o comezo do Quixote, podemos apoiarnos nun novo soporte que enriquecerá as nosas apreciacións.

PUBLICIDADE