O Archos 605 Wifi reproduce multimedia e permite navegar pola web

xoves, 6 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Os reprodutores multimedia portátiles están a evolucionar, de xeito que a reprodución de música xa hai moito que se veu enriquecida coa reprodución de vídeo, pero agora están a vivir unha efervescencia na que achegan conectividade sen fíos e mesmo navegación web, destacando entre estes últimos dispositivos o Archos 605 Wifi, que cunha pantalla táctil de 4,3 polgadas e unha resolución WVGA (800 x 480 píxeles) se converte nun dos reprodutores máis completos do mercado.
O Archos 605 Wifi véndese a versión de 4 Gb (con lector de tarxetas SD para a súa ampliación), 30 Gb, 80 Gb e 160 Gb que se venden a 199,99, 299,98, 399,99 e 499,99 euros respectivamente.
Tódalas versións do Archos 605 inclúen conectividade Wi-Fi, o que lle permite acceder a contidos multimedia do noso ordenador e a contidos na Internet, para que tamén se pode engadir unha versión do navegador Opera (que hai que comprar aparte) que inclúe soporte de Adobe Flash de xeito que, a diferenza doutros dispositivos semellantes, serve para reproducir vídeos de YouTube (detectando a súa presenza e permitindo reproducilos a pantalla completa).

O Archos 605 Wifi permite a cómoda lectura de páxinas web

Ademais, tamén se poden incrementar as posibilidades do novo reprodutor de Archos mediante accesorios que achegan saída de televisión e mesmo entrada de vídeo para utilizar o reprodutor tamén coma gravador de vídeo.
Estariamos así ante un dos poucos reprodutores multimedia que xa están á venda no mercado español e que poden facerlle fronte ós novos iPod, pois con características comparables (e superiores, a tenor do soporte de Flash e da resolución de pantalla) ás do iPod Touch contamos con capacidades como as do iPod Classic, aínda que este dispositivo é un pouco grande para levar no peto (o que responde ó grande tamaño da súa pantalla en comparación con outros reprodutores, o que tamén agradecerán moitos usuarios).
Para os interesados neste reprodutor recomendamos a lectura dunha exhaustiva análise realizada en Archos Lounge.

PUBLICIDADE