O Concello de Oleiros esíxelles ás operadoras a retirada inmediata das antenas de Os Regos e Perillo

mércores, 29 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

O Concello de Oleiros semella seguir cara a adiante no seu particular tirapuxa coas operadoras de telefonía móbil. Segundo informa A Voz, a cousa semella que non está para brincadeiras: o goberno local vénlles de lanzar un “ultimátum” ás empresas que subministran o dito servizo para que deshabiliten as antenas situadas no colexio de Os Regos e máis en Perillo, logo de que pasase un ano (sen resultado) dende que as ditas operadoras lle fixeran chegar ó consistorio o seu compromiso de desmantelalas.
Esta decisión do Concello baséase no seguinte: opina que aínda non se ten amosado ó cen por cen que este tipo de infraestruturas sexan inocuas para a saúde. Asemade, o goberno local considera que os supostos efectos nocivos poderían evitarse en boa medida se as operadoras compartisen as antenas e as situasen en espazos afastados de núcleos de poboación.
As empresas responsables, neste tipo de casos, adoitan a alegar que a instalación de antenas preto do centro das vilas é imprescindible para achegar un bo servizo (e a máis poboación, máis necesidade de habilitar estas infraestruturas), e que está probado que a súa presenza non afecta á saúde dos cidadáns.
Na imaxe, antenas de telefonía móbil vistas en Flickr.

PUBLICIDADE