O iPhone dá un pulo ós resultados económicos de Apple

xoves, 26 de xullo do 2007 Marcus Fernández

O iPhone non para de dar que falar, cando aínda faltan varios meses para que se comercialice en Europa, pero resulta que o móbil de Apple está a supor todo un potenciador para a súa empresa, que sumado ó incremento dun 33% nas vendas de ordenadores Mac (debido especialmente á adopción de procesadores Intel, o que mellora a versatilidade dos equipos) e a un 21% de reprodutores iPod fai que o 2º trimestre de 2007 sexa o mellor na historia da compañía de Steve Jobs.
Pero estes resultados tan positivos teñen unha cara oculta, pois agora se sabe que o número de iPhones vendidos nos primeiros días foi elevado (270.000 unidades) pero moi lonxe do que viñan a anunciar xornais e informativos, pois moitos medios falaban de vendas de entre 500.000 e 700.000 terminais. Ademais, só 146.000 se terían activado nos primeiros días, o que supón un elevado número de problemas nesta operación (case a metade dos usuarios atoparían atrancos para empregar o seu novo iPhone nos primeiros días).

Novo libro de O’Reilly sobre o iPhone

Así, non é de estrañar que algúns (coma o consultor Juan Antonio Giner) xa critiquen a manipulación mediática que emprendeu Apple para dar a entender unha vendas desproporcionadas (pois as vendas reais xa esgotaron as unidades na meirande parte das tendas de AT&T), de xeito que poderiamos falar da burbulla do iPhone como noutros tempos se falaba da burbulla da Internet. E non só nas vendas, porque a atención que está a recibir o terminal non ten precedentes, de xeito que un dispositivo que aínda teñen poucos usuarios está provocando incluso que moitos servizos web se adapten para funcionar axeitadamente no seu navegador e mesmo a editorial O’Reilly vén de estrear un libro dedicado ó revolucionario móbil.
Ademais, o uso corporativo do iPhone non está recomendo en absoluto, pois carece de moitas das tecnoloxías habituais en terminais de telefonía normais, e comparándoo cun terminal Blackberry queda claro que o atractivo do terminal de Apple non se corresponde con usos reais, xa que destaca coma reprodutor multimedia pero carece de soporte de MMS, mensaxería instantánea ou correo push (aplicación moi habitual nos contornos empresariais). Así, o iPhone o ten moi difícil para imporse a terminais coma o Blackberry 8820, o Nokia N95, o Toshiba Portégé G900 ou algún dos móbiles intelixentes de HTC, moito máis útiles para o seu uso profesional, que é o sector máis importante na implantación de novos terminais de telefonía móbil (pois é o que conta coa maior rotación de terminais).

Pero se hai algo que está a pesar moi en contra do iPhone e a súa seguridade, pois á aparición de serias vulnerabilidades no navegador Safari integrado se suman outros fallos que permite penetrar no terminal mediante Wi-Fi para roubar a información no terminal e mesmo tomar o control do mesmo (o que podería servir incluso para facer chamadas). Os detalles destes fallos se darán a coñecer o vindeiro 2 de agosto nun encontro sobre seguridade informática, aínda que sen coñecerse os detalles parece quedar en evidencia que Apple se apresurou a lanzar o iPhone nas datas anunciadas sen coidar certos aspectos que se agarda que se corrixan mediante actualizacións software.

PUBLICIDADE