Indignación na comunidade internauta pola censura a El Jueves

luns, 23 de xullo do 2007 Raquel Noya

Eliminan da web de El Jueves a polémica portada da revista

A estas alturas, xa case todos os internautas galegos estamos ó tanto do novo caso de censura xornalística en España, o levado a cabo polo xuíz Juan del Olmo contra a revista El Jueves por incluír na portada do seu último número unha imaxe supostamente “denigrante” da Familia Real, máis polo miúdo dos Príncipes de Asturias. A medida, que non deixa de chamar a atención se pensamos que El Jueves non fai nada novo con isto, está a desencadear amplos e complexos debates na Rede e, máis que calquera outra cousa, mostras de solidariedade coa revista devandita e de indignación contra unha medida xudicial que semella ter sido emitida pola España que (supostamente) deixamos atrás hai agora tres décadas.
Unha das máis recentes mostras de apoio que atopamos este luns na Rede e que, fóra de toda dúbida, máis move á reflexión sobre en que consiste esa cousa chamada “liberdade na palabra” é este vídeo de irtv en YouTube dende o que se lanza a seguinte pregunta: “Por que a Fiscalía non secuestrou os programas infamantes de De Los Santos na Cope contra o prestixio do presidente do Goberno, elixido polos cidadáns de xeito democrático?”

Aparencia da web de El Jueves o pasado venres

Dende Galiza, atopamos numerosas chamadas de atención en chave de humor sobre a medida do xuíz Del Olmo, concretamente sobre a orde do devandito maxistrado de confiscar o molde da revista, decisión parodiada por Armando Salas en O Correo. Asemade, tamén vemos salientables chamadas ó ciberactivismo, como na web de Galiza Indymedia, da que falamos máis polo miúdo máis abaixo.
Nos EE UU, pola súa banda, os medios non se atreven a publicar a portada da revista, e o propio Daryl Cagle puxo a imaxe no seu blog, pero no seu boletín electrónico non o fixo así, pois hai que recoñecer que en Norteamérica poderían considerar pornografía a imaxe, e non se queren arriscar a ter problemas por publicar a imaxe (para eles é máis problemático que as caricaturas de Mahoma).
Por certo que non deixa de ser curiosa a “evolución” da web de El Jueves ó longo desta fin de semana (dende o venres até hoxe). Na imaxe, podemos ver a portada da revista que foi censurada e logo, no seu lugar, o documento que obrigaba á súa eliminación do sitio. Salientar que durante o sábado e o domingo a páxina estivo fóra de liña, polo que semella que estamos perante unha orde de bloqueo por parte dos responsables xudiciais.
Movementos de protesta dende Flickr e Galiza Indymedia
Que tería pasado se a publicación seguise o seu curso? Seguramente nada, a caricatura sería vista polos lectores habituais de El Jueves, que están máis que afeitos a distraerse con este tipo de viñetas, e caería no esquecemento tan axiña como saíse un novo tema de actualidade co que poder rirnos de nós mesmos, que para iso (entre outras cousas) serve a liberdade de expresión.
Coa súa actuación, o xuíz e o fiscal xeral do estado conseguiron darlle máis publicidade á revista que ningún outro anuncio de televisión emitido en prime time nunha das principais canles do país.
E é que para aplicar xustiza no resto dos mortais, que traballan 70 horas semanais para levarlle o pan ós seus fillos, a cousa vai lenta, e poden pasar varios anos antes de recibir unha indemnización por unha neglixencia médica que os deixou sen un brazo ou por unha catástrofe natural que os deixou sen vivenda. En troques disto... isto é velocidade e non a de Alonso.
Os movementos de protesta contra esta decisión non se fixeron agardar e moitos usuarios aproveitaron o Movemento contra a censura en Flickr (Against Censorship at Flickr) para pendurar na web a caricatura da polémica. Este movemento foi creado hai uns días por usuarios desta popular web en países como Alemaña, Singapur, Hong Kong ou Corea do Sur ó non poder acceder a moitas das fotos por ser consideradas non apropiadas nestas rexións.
Apropiada ou non, o certo é que a imaxe da polémica non deixa a ninguén indiferente (estea a favor ou en contra) e sobre todo na Rede, que é onde máis comentarios se atopan sobre o tema, podemos ver moitas iniciativas en prol da liberdade de expresión. Sen ir máis lonxe, esta web galega (Galiza Indymedia) propón coller a foto da portada e pendurala nos nosos blogs e páxinas para ilustrar o noso comentario sobre o sucedido, segundo eles, “a ser posible denunciando a cuestión e sobre todo deixando así en evidencia o sistema xudicial que parece que quere matar moscas a canonazos”.
Recomendan ademais engadir palabras chave como “portada”, “jueves”, “censurada”, “cover”, “censored” ou “Spain”, co fin de multiplicar o efecto cunha boa posición nos buscadores e levar o caso alén das nosas fronteiras (que vergoña!).
Aseguran que se trata dunha proposta perfectamente legal ó non consistir en ningunha actividade económica e rematan proclamando a liberdade de expresión e a fin da censura. A polémica está servida; segundo algúns internautas, o dereito á liberdade de expresión foi vulnerado inxustamente e segundo outros, abusouse del sen piedade. Nós tamén temos a nosa opinión formada, agora xulgade vós.
Negocio co exemplar censurado en eBay
Probablemente, a censura na Web e nos quioscos non fixo máis que levar ó extremo a premisa básica da lei do funcionamento do mercado. É dicir: que a menor oferta, máis prezo. A publicidade acadada pola censura de El Jueves levou a certos internautas a poñer á venda exemplares da mesma en Ebay, e, por tanto, o interese vai en aumento, xunto cos prezos. Estes vendedores piden até 3.000 euros por un exemplar precintado, aínda que o prezo medio de venta rolda os 50. Entre estes casos de “ofertadores” da xa famosa revista figura José A. Cabrera Riverolo (usuario Transilvaniah de Ebay.es), quen explica coma Ebay chegou a cancelar un dos seus anuncios e mesmo ameazou con suspender a súa conta pola venda dun produto “prohibido”. Na súa resposta aos responsables de Ebay explica que a posesión desta revista é legal, e que até o de agora non esta prohibida a difusión de dita revista pola Rede. En total, a cantidade de exemplares á venda neste portal de compra-venda supera os 150.
A particular postura a favor do ABC
Entre os (poucos, iso si) casos de apoio na prensa á decisión do xuíz Juan del Olmo, atopamos os de (como non?) o ABC, que non dubida en cualificar o secuestro do último número da revista El Jueves de cen por cen “axustada a Dereito”, por incluír na súa portada caricaturas e comentarios denigrantes cara ós Príncipes de Asturias. Sexa como sexa, en Menéame a comunidade internauta aproveitou a opinión do xornal monárquico para lembrarlle o moito que mudan os seus puntos de vista dependendo de quen sexa o inxuriado. Así, neste servizo inclúense comentarios do ABC a respecto das caricaturas de Mahoma publicadas por un xornal dinamarqués: “Señores musulmáns, xa está ben. Eses debuxos serán máis ou menos afortunados, pero están amparados nun dereito que para nós é sagrado, porque sobre el temos construído a civilización da liberdade”.

PUBLICIDADE