Vázquez-Figueroa quere revolucionar o mundo do libro coa súa última obra
xoves, 19 de xullo do 2007
O escritor canario Alberto Vázquez-Figueroa, para
amosar a súa insatisfacción do actual sistema editorial (que entre outras
cousas fai que a Facenda se quede coa metade dos seus beneficios) decidiu
ofrecer na Internet a súa última novela, Por
mil millones de dólares, que se pode descargar
de balde en formato PDF (de só 610 Kbytes de peso) e mesmo convida ós
xornais e revistas a ofrecelo por entregas durante este verán.
Pero esta arriscada operación non suprimirá o libro tradicional, que tamén sae
en edición de luxo (a 20,25 euros) e de peto simultaneamente, no que supón unha
aposta de Vázquez-Figueroa pola fidelidade dos seus lectores (sen discriminalos
segundo o seu poder adquisitivo).
- Portada do último libro de Vázquez-Figueroa
O autor asegura no seu blog
que continuará esta política de publicación cos seus seguintes libros, e
critica que os editores se queixen da pouca lectura mentres manteñen un férreo
control sobre o prezo do que interesa a cada momento. Pensa que hai que forzar
a que os editores oferten produtos culturais para tódolos petos, especialmente
porque o público de pouco poder adquisitivo é máis numeroso, polo que aínda que
produza menos beneficios fai máis adeptos.
Sobre a descarga de balde da Internet, Vázquez-Figueroa di estar seguro de que “quen o descargue da Rede nunca tería mercado
a miña novela, ou sexa, que prefiro que me lea gratis a que non me lea”
pois coida que iso podería fomentar a lectura futura (tanto doutro libro do
autor como de calquera outro texto).
No tocante ó lanzamento simultáneo en 3 formatos (dixital, luxo e peto) o
escritor canario convida a reflexionar sobre o tema establecendo un paralelismo
co cine, pois antes as películas se estreaban en grandes salas, e tras uns
meses pasaban ós cines de barrio, mentres que agora se estrean en moitas
multi-salas e pasa logo ó DVD e á televisión a unha velocidade abraiante, o que
supón un cambio no sistema de comercialización que debería imitar o mundo do
libro, que permanece impasible con políticas que só permiten edicións económicas
dos libros anos despois dunha primeira edición en tapa dura, aínda que advirte
que este luxo se pode manter só grazas á que os piratas do Top Manta aínda
non ven rendible a literatura para as súas actividades.