Innovación e Educación convocan os “Premios a Recursos Educativos para a Sociedade da Información”

martes, 26 de xuño do 2007 Raquel Noya

As Consellarías de Innovación e Industria e Educación e Ordenación Universitaria, a través das direccións xerais de Promoción Industrial e da Sociedade da Información e de Ordenación e Innovación Educativa, veñen de convocar os “Premios a Recursos Educativos para a Sociedade da Información”
O obxectivo destes premios, que contan cunha importante dotación económica e se dividen en varias modalidades, é promover a creación e divulgación de contidos dixitais de calidade na Rede, impulsar o coñecemento do software libre por parte da comunidade educativa e recoñecer e valorar o esforzo do profesorado na adopción das tecnoloxías de información e comunicación no seu traballo cotián.
Poden participar na convocatoria, a nivel individual ou en grupo, o profesorado de centros non universitarios sostidos con fondos públicos. As modalidades nas que se pode participar son as seguintes:

  1. Ferramentas de autor
  2. Materiais curriculares de web
  3. Galerías de imaxes e vídeos didácticos
  4. Aplicacións de software libre


As devanditas consellerías destinarán 52.000 euros ós premios, con dotacións de ata 6.000 euros para os primeiros postos nas modalidades A, B e D e de ata 3.000 na modalidade C.
O prazo de participación remata o vindeiro 15 de setembro.

PUBLICIDADE