Buble Mob: a Web tamén serve para reunirse e facer pompas (e nada máis)

martes, 29 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Continuamos un día máis con xuntanzas convocadas na Rede, esas reunións máis ou menos espontáneas nas que participan nun espazo concreto persoas unidas por ideas ou tendencias compartidas. En ocasións, estas xuntanzas teñen un marcado fondo político e noutras non hai nada diso senón única e exclusivamente unha arela de diversión. Nesta segunda liña é onde se sitúa Bubble Mob, aínda que, como soe acontecer neste tipo de casos, haxa moitos analistas da Web que non queiran ver só un interese de lecer e achen en segundo e terceiro plano intencións reivindicativas. Neste caso concreto, non andarán desencamiñados, porén: reivindícase o dereito á liberdade, aparecendo esta revestida de algo tan sinxelo como facer burbullas de xabón.
A cita é este sábado 2 de xuño en Madrid, ás 18 horas no Parque do Retiro, ó carón do lago, e está convocada a través da Rede na web Pixel y Dixel.
O obxectivo, como dixemos é este: divertirse. Ou, como se sinala no Weblog dun friki, concentrarse para facer só burbullas e sen que haxa máis sentido nin explicación. A xuntanza chámase así porque fai referencia ó termo “flashmob”, que, como podemos ver na Wikipedia, poderíase traducir (de xeito un pouco forzado, iso si) por “multitude instantánea”. O caso é que se trata de convocatorias propostas por un grupo de persoas sen apenas labor de programación (estas adoitan a ser mellores no real, e isto é aplicable tamén ó virtual) nun lugar concreto, onde se reúnen para dispersarse tan axiña como chegaron. A Internet e os móbiles son os seus alicerces principais de comunicación.

PUBLICIDADE