Ms. Dewey, a nova buscadora de Internet

mércores, 18 de outubro do 2006 Marcus Fernández

A Google aparécelle unha dura competidora, non porque realice mellor as buscas a través da Internet, senón polo seu carácter, xa que Ms. Dewey é unha muller que axuda ós internautas a atopar contidos na Rede dende unha páxina web na que se lle ve nunha oficina cunhas vistas futuristas e que se dirixe ó usuario falando e xesticulando, polo que, aparte da súa utilidade coma buscador, tamén resulta un servizo moi entretido e orixinal.
Ms. Dewey fai comentarios sarcásticos sobre os temas de busca, podendo probar as súas respostas ante temas coma “George Bush”, “sex e outros asuntos que levan ós usuarios a probar as curiosas respostas desta moza descarada e groseira, que non dubida en falar polo teléfono móbil ou ler unha revista mentres agarda polo resultado dunha busca, ou a petar na pantalla do usuario se non se lle fai caso.
Quizais este novo servizo non lle roube moitos usuarios a Google, pero permite pasar un bo rato e pode servir de referencia para futuros desenvolvementos, posto que distintas compañías sosteñen que este tipo de interfaces de usuario poderían ser moi interesantes para amosar novas ou para guiarnos en portais, non só na Internet, senón mesmo nos teléfonos móbiles, xa que dan unha aparencia máis humana á nosa comunicación con sistemas informáticos.

PUBLICIDADE