ISOC-Galicia quere situar ós internautas galegos no mapa

xoves, 3 de maio do 2007 Marcus Fernández

ISOC-Galicia, co financiamento da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, manterá do 1 ó 17 de maio a web Galicia Global que pretende servir de foro público para que os galegos de todo o mundo poidan deixar constancia da súa condición a través dos apartados Blogalicia e Galegos globais.
Así, mentres a iniciativa MapMyName pretende censar ós internautas de todo o mundo, Galegos globais quere facer o propio cos galegos, estean onde estean, permitíndolles situarse no mapa (subministrado polo servizo Google Maps) xunto cunha ficha persoal que permite darnos así unha idea da dispersión da nosa cultura no mundo (aínda que limitada ós usuarios da Internet).
A organización deste tipo de iniciativas débese especialmente á coincidencia do Día da Internet e o Día das Letras Galegas ó vindeiro día 17, polo que parece natural potenciar de xeito conxunto a nosa cultura e as novas tecnoloxías, como se ven facendo coa campaña +Internet +Galego + Futuro.

PUBLICIDADE