A Seguridade Social e o INSS apostan polo software libre para a formación a distancia

venres, 27 de abril do 2007 Raquel Noya

A Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS) mailo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), lanzarán a finais deste mes de abril (ó que xa non lle quedan moitos telexornais) o seu programa de formación para a preparación dos funcionarios que desexan participar no proceso de promoción interna para administrativos. A plataforma Dokeos e máis a empresa galega Contidos Dixitais serán as encargadas da prestación do aloxamento e do soporte, do mantemento dos equipos, de dar consello pedagóxico e de elaborar os materiais deste proxecto no que se formarán máis de 2.500 alumnos.
A través do campus virtual Dokeos LMS 1.8, os funcionarios poderán acceder a materiais de gran relevancia para a súa preparación e contarán con titores especializados que resolverán as súas dúbidas e realizarán informes detallados sobre a actividade de cada alumno rexistrado.
A TGSS e o INSS elixiron os servizos profesionais de Dokeos “para beneficiarse da seguridade do seu campus virtual e por contar cunha ampla experiencia en teleformación e desenvolvementos personalizados do equipo de profesionais que integran a compañía”.

PUBLICIDADE