Reuters abre unha sucursal en Second Life

luns, 16 de outubro do 2006 Marcus Fernández

O fenómeno do mundo virtual Second Life, que levou incluso á celebración de concertos en directo en tal entorno, non para de sorprendernos, e agora é a axencia de novas Reuters a que innova, pois vén de abrir unha sucursal virtual dende a que publicarán textos, fotografías e vídeos de xeito bidireccional: achegará ós membros de Second Life novas do mundo real e publicará novas de Second Life para o público en xeral a través dunha nova web.
O servizo de Second Life resulta abraiante, xa que leva os simuladores de cidades e de relacións persoais tipo Los Sims a un novo nivel, pois os personaxes que participan no sistema están controlados por persoas reais, constituíndo todo un mundo paralelo con máis de 900.000 usuarios que poden levar unha vida virtual, incluíndo o aluguer de vivendas e traballando para gañar cartos. Ademais, tamén se poden mercar dólares linden (a moeda de Second Life) mediante diñeiro real, o que xera un movemento anual de 13 millóns de dólares americanos.
Second Life xa conta con empresas como Toyota, BMG, Sun ou Adidas que levan os seus negocios ó mundo virtual, pero os pasos tomados por Reuters resultan totalmente revolucionarios, pois crea unha canle comunicativa co mundo virtual.

PUBLICIDADE